D. Javier Aguilera Navarro, Director xeral do Igape
ANFACO, panca de competitividade
A través da Consellería de Industria e do Igape, a Xunta de Galicia está a defender a potenciación dos clusters como instrumentos esenciais para consolidar a mellora da competitividade e a internacionalización das empresas galegas, Pemes na súa inmensa maioría. Polo seu coñecemento sectorial, pola súa capacidade tecnolóxica e de proxectos en cooperación, e pola súa proximidade ás empresas, os clusters son os mellores interlocutores da administración para avanzar de forma máis áxil e con maior seguridade cara a eses obxectivos estratéxicos.
Esta forma de traballo, moi estendida en Europa, está hoxe fora de discusión. Existe un importante número de clusters consolidados en Galicia, clusters que, como ANFACO, teñen tamén recoñecida a súa capacidade de organización e transmisión de tecnoloxía e coñecemento ó tecido produtivo.
Desde a Xunta de Galicia, estamos convencidos de que chegou o momento de dar un salto cualitativo, a través do traballo en común e apostando tamén pola cooperación transversal, procurando aproveitar os recursos, o potencial, a innovación e o saber facer dos clusters máis potentes, as súas vinculacións con centros tecnolóxicos punteiros para mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas galegas, no marco da estratexia de actuación económica comunitaria para o período 2014/2020.
Na actualidade podemos dicir que Galicia é unha das comunidades do Estado onde está máis desenvolvida a cultura de traballo en organizacións empresariais tipo clúster. Tamén poderiamos recoñecer que esta realidade non sería a mesma de non existir precedentes como os que desembocaron na constitución de ANFACO-CECOPESCA.
ANFACO é unha organización empresarial que ten as rúas raíces en 1904 pero que segue a medrar e que está a consolidarse como un dos clusters máis solventes para seguir servindo de panca de competitividade para un sector tan importante para Galicia como é o asociado á transformación e a conservación dos produtos do mar. Un reto, imprescindible para as súas empresas. Un empeño no que seguirá a contar co apoio da Xunta de Galicia.