Salustiano Mato de la Iglesia, Rector de la Universidad de Vigo

Veciñanza e alianzas 

Ademais de localización xeográfica, ANFACO-CECOPESCA e Universidade de Vigo comparten moito máis. Como bos veciños que conviven no espazo común das Lagoas, a organización empresarial e a institución

académica souberon achegar posturas e facer do común un valor engadido para así, ao longo das últimas décadas, ir da man no desenvolvemento de proxectos, investigacións e mesmo accións formativas. Froito desa

veciñanza física, pero sobre todo executiva, a asociación converteuse nun importante foco de captación do talento formado nas nosas aulas e laboratorios nos ámbitos científico, tecnolóxico ou xurídico-social.

Pero nesta sorte de teoría dos vasos comunicantes que nos vincula, mención especial cómpre facer tamén da participación de ANFACO-CECOPESCA na agrupación de I+D do noso campus de excelencia internacional, Campus do Mar, que integra a axentes socioeconómicos e investigadores de Galicia e do Norte de Portugal relacionados co ámbito mariño, coa finalidade de aglutinar o maior potencial e optimizar os recursos dispoñibles.

Representante dos intereses de máis de 200 empresas do sector mar-industria, que dá traballo a máis de 25.000 empregados e factura preto de 6000 millóns de euros, en ANFACO-CECOPESCA saben moi ben da importancia das alianzas e do traballo en común. Como se non foi posible que unha industria, que comezou na segunda metade do século XIX, chegue ata os nosos días convertida nun dos nosos principais motores económicos? Por que case en paralelo ao despegue do sector nacía en 1904, a iniciativa dun grupo de fabricantes de conserva de peixes e mariscos, a Unión de Fabricantes de Conserva de Vigo, primeira organización patronal de Galicia.

Dende entón e ata a actualidade, a primixenia Unión de Fabricantes de Conserva de Vigo foi evolucionando, ampliando o seu ámbito de actuación e incorporando a investigación desde moi cedo aos procesos produtivos, ata se converter un século despois na referencia nacional das empresas do sector industrial transformador e comercializador de produtos da pesca e da acuicultura.

Atrás quedan 110 anos de traballo non exentos de dificultades, nomeadamente as

derivadas nos últimos anos da competencia desleal practicada por algúns países asiáticos. Pero atrás quedan, sobre todo, innumerables éxitos polos que cómpre felicitar a todos os homes e mulleres que ao longo de máis dun século fixeron e fan do conserveiro un sector de referencia na economía do noso país.