Manuel Varela Rey, Director de la Agencia Gallega de Innovación de la Consellería de Economía e Industria
Non é doado para ningunha empresa ou institución chegar aos 110 anos en plena forma, sen que o desgaste do tempo erosione as vontades, a enerxía e a capacidade para adaptarse aos cambios e ás necesidades do seu ámbito de actividade. Para logralo fai falta unha visión estratéxica ambiciosa e flexible e isto é o que vén demostrando desde 1904 a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, un elemento xa indispensable no mapa da competitividade económica de Galicia.
A visión de país foi o que levou ás empresas do sector a constituírse en asociación para defender os seus intereses e, máis adiante, a crear o que hoxe é o centro tecnolóxico decano de Galicia. Durante décadas, esta infraestrutura, fonte de coñecemento aplicado, vén contribuido de manera decisiva á modernización dun sector estratéxico para a economía galega, o da transformación dos recursos pesqueiros. Esta labor labor está a revertir non só no incremento da competitividade das empresas galegas, senón tamén na mellora de produtos saudables e protagonistas da dieta atlántica presentes en todos os nosos fogares.
O resultado é que ANFACO consegue posicionarse á vez nos dous ámbitos nos que calquera tecnoloxía demostra ser verdadeiramente relevante: o crecemento económico e o aumento da calidade de vida das persoas.
Desde a Axencia Galega de Innovación, anóvase de xeito continuado o compromiso con todos os axentes capaces de contribuír ao incremento da competitividade empresarial a través da innovación. Neste sentido, o centro ten demostrado de xeito efectivo a súa capacidade como elemento tractor e aglutinador da I+D+I no sector pesqueiro e conserveiro.
O traballo conxunto co sector produtivo a través dunha escoita permanente das súas necesidades e unha actitude proactiva de xeración de coñecemento aplicado teñen que ser o motor de calquera centro tecnolóxico.
Esta visión é a que lle valeu a ANFACO a súa condición de centro tecnolóxico consolidado a nivel estatal e a que a Xunta de Galicia serguirá incentivando, con liñas de actuación que continúen apoiando de forma decidida as dinámicas de valorización do coñecemento mediante a estreita colaboración entre centros e empresas.
Así vén ocorrendo con todas as convocatorias da Xunta destinadas a apoiar a competitividade dos centros tecnolóxicos, nas que ANFACO sempre tivo unha participación moi relevante, e así continuará a ser no futuro. A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que rexerá o destino da innovación galega ata 2020, establece as súas prioridades en tres grandes ámbitos: os recursos naturais, a industria e a vida saudable, todos eles no espectro de actuación de ANFACO, o que lle augura un papel estratéxico para a innovación galega nos vindeiros anos. Agardemos que, polo menos, sexan outros 110.